O Clúster TIC Galicia reafirma o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e coa promoción das vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade galega coa súa participación nunha nova edición do programa “Que non te líen, ti elixes”, impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta en centros escolares de todo o territorio.
Esta iniciativa, centrada na orientación académica e profesional libre de estereotipos de xénero, conta así, un ano máis, coa implicación directa de dez mulleres profesionais do sector tecnolóxico que traballan en empresas socias do Clúster TIC Galicia:
A través de charlas, encontros e actividades dinámicas, estas referentes achegarán a súa experiencia ao alumnado de 3º y 4º da ESO de once centros educativos galegos para desmontar prexuízos e fomentar o interese polas disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
O programa pretende ofrecer ao estudantado ferramentas para tomar decisións informadas sobre o seu futuro profesional, afastadas dos roles tradicionais de xénero. Neste contexto, a participación de profesionais en activo resulta clave para visibilizar o talento feminino no ámbito tecnolóxico e inspirar ás novas xeracións.
Sexta convocatoria
A colaboración con “Que non te líen, ti elixes” non é nova para o Clúster TIC Galicia, que leva seis convocatorias participando activamente na iniciativa. Para a entidade, este tipo de accións constitúen unha excelente oportunidade para achegar de primeira man ao alumnado a realidade do sector tecnolóxico, os retos e oportunidades que presenta, así como para amosar a diversidade de perfís profesionais existentes neste ámbito.
Iniciativas como esta tamén contribúen a reducir a fenda de xénero no ámbito tech, onde a presenza feminina segue sendo minoritaria, ademais de demostrar que o cambio cara a unha sociedade máis igualitaria pasa polas aulas, promovendo vocacións sen etiquetas e abrindo camiños para o talento feminino na educación STEM.
Comentarios