Dúas xornadas organizadas por GAIN reuniron a empresarios e técnicos do CDTI para facilitar o acceso a axudas á innovación

Dúas xornadas organizadas por GAIN reuniron a empresarios e técnicos do CDTI para facilitar o acceso a axudas á innovación


Co obxectivo de facilitar o acceso das empresas galegas a 42 millóns de euros en axudas á innovación procedentes de fondos europeos e estatais, os días 23 e 24 desenvolvéronse dúas xornadas organizadas pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e coa participación do Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI).

Os fondos en cuestión son subvencións e préstamos procedentes en boa medida do Fondo Tecnolóxico Europeo e xestionados polo CDTI. Para tratar de lograr o maior aproveitamento posible por parte do tecido produtivo galego destas oportunidades, organizouse en Compostela unha xornada de presentación o día 23, na que Manuel Varela Rey, director de GAIN, e Nabil Khayyat Khury, xefe da división de Promoción e Coordinación do CDTI, fixeron unha exposición para empresarios e técnicos da Administración do Estado. O mesmo día 23 e máis o día 24 desenvolvéronse reunións bilaterais entre os técnicos e as empresas interesadas, que tiveron a oportunidade de expoñer as súas ideas de proxecto e recibir o asesoramento correspondente.

As axudas xestionadas polo CDTI están orientadas á seguinte tipoloxía de proxectos:

  • Proxectos de I+D: proxectos empresariais de carácter aplicado que teñan por obxecto a creación ou mellora significativa dun proceso, un produto ou un servizo. Distínguense dúas modalidades: os proxectos individuais e os que se desenvolven en cooperación de polo menos dúas empresas, con posibilidade de participación de organismos de investigación. Os custos financiables son  a amortización de activos fixos novos ou existentes; os custos de persoal titulado e cualificado; reactivos, materiais e consumibles; a colaboración externa técnica pública e/ou privada; a colaboración externa non técnica (xestión), os gastos xerais e os custes da auditoría. O financiamento consiste en axudas parcialmente reembolsables a un tipo fixo de Euribor +0’,1%, con tramo non reembolsable de ata o 20%. A cobertura financeira como norma xeral é ata o 75% (85% con Fondo Tecnolóxico). A amortización é a dez años, con 2-3 de carencia, e esíxense recursos propios para financiar o 30% do proxecto.
  • Proxectos de innovación: proxectos empresariais que impliquen a incorporación e adaptación de tecnoloxías novidosas e que supoñan unha vantaxe competitiva para a empresa. Neste caso os custes financiables son a adquisición de activos fixos novos, os custes de persoal, materiais e consumibles, contratación de servizos externos e subcontratacións, gastos xerais e custes de auditoría. O financiemento é por medio de axudas reembolsables a un tipo de interés bonificado do 2%, cubrindo ata o 85% do presuposto financiable. Amortízase unha vez finalizado o proxecto, con seis meses de carencia e en cinco cotas semestrais. O financiamento máximo é de dous millóns de euros (equivalente a 200.000 euros subvención).
  • Proxectos de promoción tecnolóxica internacional: promoción en protección en mercados exteriores de tecnoloxías novidosas desenvolvidas por pemes españolas, ou financiamento de plans de internacionalización: actividades de transferencia de tecnoloxía, adaptación da tecnoloxía ou promoción. Aquí os custes financiables son os relacionados coa internacionalización da propiedade industrial (traducións, defensa da validez do dereito, etcétera) e os vinculados a servizos de asesoramento e apoio á innovación. O financiamento consiste en axudas parcialmente reembolsables ao un tipo fixo equivalente ao Euribor +0,1%, cun tramo non reembolsable do 5%. A cobertura é ata o 75% do presuposto financiable, cunha amortización a dez anos con tres de carencia. O presuposto financiable mínimo é de 75.000 euros, con anticipos do 25% sobre a axuda concedida.
O representante do CDTI expuxo tamén as oportunidades que ofrecen ás empresas de base tecnolóxica as liñas Neotec e o programa INNVIERTE, así como o apoio á participación española en programas internacionais de cooperación tecnolóxica e en licitacións de grandes instalacións científico-tecnolóxicas.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies