O presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, asistiu á firma do proxecto europeo ALLOCATE, presentado hoxe no Concello da Coruña, e cuxo obxectivo é desenvolver solucións baseadas en intelixencia artificial (IA) para mellorar os servizos da cidade en ámbitos como a reciclaxe ou a mobilidade, en liña co Pacto Verde Europeo e a Estratexia Española de Intelixencia Artificial.
Na iniciativa, liderada pola administración local, colaboran outros socios estratéxicos como a Universidade da Coruña, Altia e Khora Urban Thinkers, e conta cun orzamento de 5,5 millóns de euros, dos que o 80% proceden de fondos FEDER.
No marco deste proxecto contémplase a creación dunha infraestrutura de computación distribuída, aproveitando recursos TIC infrautilizados para reducir o consumo enerxético e fomentar a soberanía tecnolóxica. Esta dotación facilitará o acceso a tecnoloxía avanzada a 40 PEMES TIC, que poderán desenvolver e testear solucións de intelixencia artificial sen necesidade de grandes investimentos iniciais.
Así mesmo, porase en marcha unha Comunidade Local de Computación na Cidade das TIC, que funcionará como espazo de colaboración entre administracións, empresas, universidades e cidadanía. Por outra banda, contémplase a formación de 100 profesionais en IA verde e ética, o que promoverá un ecosistema dixital aberto e inclusivo que contribuirá a mellorar a empregabilidade, atraer talento e consolidar Galicia como un territorio innovador e sostible.
ALLOCATE desenvolverase entre outubro de 2025 e marzo de 2029 a través dun consorcio multidisciplinar liderado polo Concello da Coruña. A participación do Clúster TIC Galicia neste proxecto reafirma o seu papel como axente tractor da dixitalización no territorio e como garante dunha tecnoloxía centrada nas persoas e no ben común. Ademais, reforza o seu compromiso coa innovación responsable e co desenvolvemento económico do sector TIC na comunidade.
Comentarios