Aínda estás a tempo de solicitar o teu préstamo directo do Igape para o financiamento da túa empresa

Silvia Camesella,

Aínda estás a tempo de solicitar o teu préstamo directo do Igape para o financiamento da túa empresa


O Igape vén de lanzar unha nova liña de préstamos directos do programa IG408B para o financiamento empresarial en Galicia, cunha dotación orzamentaria de 62,5 millóns de euros, cuxo obxectivo é facilitar o acceso ao crédito e impulsar o desenvolvemento e a competitividade do tecido empresarial galego. 

Quen pode solicitar estes préstamos?

Poden ser beneficiarias desta convocatoria as empresas que desenvolvan unha actividade e conten cun centro de traballo en Galicia, así como outras entidades ou agrupacións que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.

O financiamento pode destinarse a diferentes actuacións vinculadas ao desenvolvemento empresarial galego, como investimentos, ampliacións ou adquisición de unidades produtivas. En concreto, contémplanse as seguintes modalidades de empréstitos para:

  • Proxectos de investimento.
  • A concentración empresarial e sucesión de empresas.
  • Proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación.
  • Financiamento operativo.

Orzamento da convocatoria

Para esta convocatoria establécese unha dotación económica destinada á concesión de préstamos de:

41.250.000 € para o ano 2026

21.250.000 € para o ano 2027

Presentación das solicitudes

A convocatoria xa está aberta e estáse a tramitar en réxime de concorrencia non competitiva, o que se traduce en que as solicitudes se resolven por orde de presentación ata o esgotamento do crédito dispoñible ou ata o 1/12/2026, ás 14:00 h.

O procedemento debe efectuarse exclusivamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Durante a tramitación, a administración poderá consultar automaticamente diferentes datos da empresa solicitante para simplificar os trámites administrativos, salvo oposición expresa da persoa interesada.

Consulta a resolución completa aquí.


Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies