Aberto o prazo para indicar as necesidades de capacitación de empresas socias de cara ao deseño dun novo plan formativo

Silvia Camesella,

Aberto o prazo para indicar as necesidades de capacitación de empresas socias de cara ao deseño dun novo plan formativo


O Clúster TIC Galicia está a recoller as necesidades formativas das súas empresas socias a través deste formulario de cara ao deseño dun novo Plan Formativo, que se desenvolverá dende outubro de 2025 e xuño de 2026. Estas accións enmárcanse no convenio que a entidade asinará coa Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, con lixeiras modificacións respecto a convocatorias anteriores. 

Entre as principais diferenzas están que os cursos só se impartirán na modalidade de aula virtual en directo e que cada formación constará dun mínimo de 10 horas e dun máximo de 80. Ademais, só poderán solicitalos persoas activas en Galicia, contratados por conta allea e adscritos a centros de traballo na comunidade; autónomos dados de alta no territorio galego ou desempregados rexistrados no Servizo Galego de Emprego.

En canto ás áreas temáticas, teñen que estar relacionadas coas áreas que se detallan a continuación:

Tecnoloxías de intelixencia artificial
Algoritmos de intelixencia artificial; computación de alto rendemento (HPC); computación en nube e na periferia (edge computing); tecnoloxías de análise de datos; visión por computador, procesamento da linguaxe, recoñecemento de obxectos; tecnoloxías de preservación da privacidade (por exemplo, aprendizaxe federada).
Tecnoloxías avanzadas de conectividade, navegación e dixitalización
Comunicacións dixitais seguras e conectividade, como RAN (Rede de Acceso Radio) e Open RAN (Rede de Acceso Radio), e 5G e 6G; tecnoloxías de ciberseguridade, incluíndo cibervixilancia, sistemas de seguridade e intrusión, forense dixital; internet das cousas e realidade virtual; tecnoloxías de rexistro distribuído e identidade dixital; tecnoloxías de guiado, navegación e control, incluíndo aviónica e posicionamento mariño, e PNT baseado no espazo; conectividade segura baseada en satélite.
Tecnoloxías cuánticas
Computación cuántica; criptografía cuántica; comunicacións cuánticas; distribución de claves cuánticas (QKD); detección cuántica, incluíndo gravimetría cuántica; radar cuántico; simulación cuántica; imaxe cuántica; reloxos cuánticos; metroloxía; tecnoloxías cuánticas cualificadas para o espazo.
Robótica e sistemas autónomos
Vehículos autónomos habitados e non habitados (espazo, aire, terra, superficie e subacuáticos), incluíndo enxames; robots e sistemas de precisión controlados por robots; exoesqueletos; sistemas habilitados para IA.


Como indicamos, as empresas socias poden indicar as súas necesidades formativas a través deste formulario, deseñado para recoller a seguinte información:

  • Plans propios de formación organizados integramente polas entidades socias para os seus traballadores ou persoas activas alleas a súa organización. 
  • Agregar alumnos a cursos organizados polo Clúster TIC Galicia.
  • Ofrecer docentes para formacións realizadas pola asociación.

O prazo para enviar as necesidades remata o mércores 27 de agosto de 2025. Os datos aportados non son vinculantes, pero serán fundamentais para axustar ao máximo as preferencias sinaladas ás necesidades e capacidades de execución da entidade. 

Acceso ao formulario: https://forms.gle/yjy4VwEP7MqjjhSd7

Se algún socio ten dúbidas sobre a presentación da información, pode contactar coa oficina técnica do Clúster TIC Galicia a través de info@clusterticgalicia.com ou no 881 939 651.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies