Novas

23-11-2015

O Clúster TIC ostenta a Vicepresidencia da Fundación Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións de Galicia

  • As entidades socias: Altia Consultores, Avansig, Bahía Software, CPEIG, Enxenio, Indra, R Cable e Telecomunicacións e Tecnoloxías Plexus forman parte do padroado
  • A Fundación CITIC de Galicia ten como principal obxectivo potenciar as actividades de investigación e transferencia na área das TIC ao tecido produtivo
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, acolleu na mañá do venres, 20 de novembro, os actos oficiais de constitución e presentación da Fundación Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Galicia, presididos polo reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto Barbeito.

Ás 11:00h. tivo lugar a sinatura de constitución formal ante notario desta nova entidade, chave para a evolución e consolidación das TIC en Galicia. A Fundación CITIC de Galicia ten como principal obxectivo potenciar as actividades de investigación e transferencia na área das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións ao sector produtivo, para o que haberá unha maior implicación coas empresas do sector. Neste sentido, a aposta do tecido empresarial evidénciase na composición do padroado: Altia Consultores, Appentra Solutions, Avansing, Bahía Software, Cluster TIC Galicia, Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia, Emetel Sistemas, Enxenio, Indra, R Cable y Telecomunicaciones Galicia, Tecalis Engineering, Tecnoloxías Plexus e a propia Universidade da Coruña, co apoio do Concello da Coruña. Organizacións públicas e privadas que en liña cos valores que desde o ano 2007 vén profesando o CITIC para favorecer a transferencia de tecnoloxía e coñecemento á sociedade no seu conxunto.

Ás 12:00h. deu comezo a presentación pública da entidade, que contou coa presenza e intervención do alcalde da cidade, Xulio Ferreiro.

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto Barbeito, cedeu a palabra ó coordinador do CITIC, Manuel Penedo, que a través dun percorrido pola misión, valores e logros do CITIC nos seus oito anos de vida, destacou os catro piares estratéxicos nos que se asenta a actividade actual e futura do centro: o fomento da investigación que realizan os seus expertos (que lle permite abordar e desenvolver as necesidades tecnolóxicas requiridas pola sociedade), a promoción da Innovación e Transferencia Tecnolóxica; o pulo do concepto de Parque Tecnolóxico (que grazas ó compromiso da UDC traballan nun espazo común compartido por investigadores e empresas, favorecendo o encontro e entendemento entre ambas as dúas partes, coa finalidade de establecer sinerxías para as liñas de traballo en común) e, por último, a aposta pola formación mixta e integrada de investigadores e tecido empresarial, a través de modelos formativos innovadores que melloran as capacidades e amplían o coñecemento de todos os profesionais asociados aos distintos proxectos.

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC de Galicia e vicepresidente da Fundación, salientou o papel que as novas tecnoloxías xogan na sociedade, como eixo de actualidade en múltiples sectores como a industria 4.0, e o compromiso de todos os patróns por participar de forma activa e non ser meros observadores da actividade da Fundación.

Pola súa parte, o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, presidente da nova Fundación CITIC de Galicia, destacou o valor da vontade institucional e a histórica aposta do CITIC pola colaboración entre entidades públicas e privadas como chave do éxito no sector. Deu a coñecer tamén as liñas de actuación dos convenios asinados entre todos os fundadores.

O alcalde da Coruña, Xulio  Ferreiro, expresou o firme compromiso do goberno local no apoio, colaboración permanente e impulso das iniciativas da Fundación CITIC de Galicia, e destacou a necesidade de que se consoliden novas ideas e modelos de actuación a través do coñecemento e talento que emerxe da UDC.

Con este paso adiante, o CITIC mantén e incrementa o afán promovido polo seu desaparecido fundador, o profesor titular da UDC e investigador Victor Gulías, de afianzar, consolidar, e facer do CITIC un referente autonómico, nacional e internacional no eido da investigación e innovación das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións en Galicia.

En medios:

La Voz de Galicia | Nace la Fundación Citic, en la UDC, con más de 100 empresas
La Opinión A Coruña | Una fundación para investigar mejor
El Correo Gallego | Antonio Agrasar representará a Plexus en la Fundación CITIC
Código Cero | O CPETIG salienta as oportunidades de transferencia que se abren coa fundación do CITIC