Novas

30-10-2015

Avansig, Quobis, Altia, Brookesia e Igalia, gañadores dos Premios Clúster TIC Galicia

Os galardóns foron entregados na gala que se celebrou o 29 de outubro

Avansig, Quobis, Altia, Brookesia Design and Technologies e Igalia son os gañadores dos Premios Clúster TIC Galicia 2015. Os representantes das cinco entidadas recolleron os seus galardóns onte ao serán, nunha gala que se desenvolveu no marco do evento LibreCon, na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
Os proxectos premiados abranguen iniciativas de internacionalización e desenvolvementos tecnolóxicos nos eidos dos drons, as App para vehículos, gadgets multifunción e plataformas para set-top-boxes de operadoras.
Con  estes premios, o Clúster recoñece o traballo de todos os axentes comprometidos co desenvolvemento do tecido produtivo baseado na Sociedade da Información, poñendo de relevo ante a opinión pública o labor das empresas, profesionais e entidades que deseñan, programan, desenvolven, implantan ou usan produtos ou servizos galegos que teñen na innovación e no uso das novas tecnoloxías a súa razón de ser.
Dun total de 34 candidaturas presentadas, un Comité Avaliador Experto seleccionou 15 finalistas, tres por cada unha das categorías: Innovación, Internacionalización, Liderado TIC, Start-up e Software Libre.

Innovación
Na categoría de Innovación a entidade gañadora foi Avansig, firma con sede na Coruña, polo seu proxecto DroneService. Trátase dun un sistema de seguridade baseado en drons. É unha evolución dos servizos tradicionais de domótica e videovixilancia, nos que se empregan circuitos de vídeo para controlar fogares ou establecementos. A principal diferenza que introduce a plataforma DroneService é un dron de vixilancia de pequenas dimensións, con capacidade para realizar roldas de vixilancia no interior dos edificios de forma totalmente automática. Para o desenvolvemento deste proxecto foi necesario superar un reto tecnolóxico: a navegación autónoma en interiores, dificultade que se resolveu mediante un sistema de guiado por escáner láser. A iniciativa, desenvolvida en colaboración con Prosegur, permite introducir na industria da seguridade unha solución baseada en tecnoloxía punta que permitirá ofrecer servizos de vixilancia, supervisión e control innovadores, flexibles e dinámicos.

Internacionalización
Na categoría de Internacionalización a empresa gañadora foi Quobis, firma que ten a súa sede corporativa en O Porriño (Pontevedra). Neste caso, o xurado valorou unha estratexia de internacionalización baseada na súa solución Sippo de comunicación web, que está orientada a axudar aos operadores de telecomunicacións a expoñer as súas capacidades de comunicación ao mundo web. O posicionamento que conseguiu neste mercado tan específico e global permitiu a Quobis acadar un gran recoñecemento de produto, tanto a nivel técnico como comercial, o que lle facilitou chegar a acordos con grandes provedores. Actualmente, Quobis é o partner preferido para proxectos de comunicacións web en tempo real de empresas como Oracle, Alcatel Lucent, Dialogic, Genband, Nokia ou Ericsson. Elas detectan as oportunidades comerciais e involucran a Quobis na parte específica relacionada coa tecnoloxía WebRTC, que é o foco de especialización da empresa.

Liderado TIC
Na categoría de Liderado TIC, a gañadora foi Altia Consultores, con sede na Coruña, polo seu proxecto Car Easy Apps. Trátase dunha iniciativa que permite crear un ecosistema seguro de aplicacións capaces de interactuar co vehículo, ofrecendo aos usuarios unha continuidade no uso do smartphone tanto no vehículo como fóra del, así como novos usos e servizos. O sistama funciona establecendo un protocolo confidencial entre os smartphones e o vehículo que garante a seguridade e privacidade. Car Easy Apps, é un proxecto colaborativo desenvolvido por Altia xunto a PSA Peugeot Citröen, Imatia, Continental AG, CTAG e Gradiant. Esta colaboración permite que xurda a innovación máis alá da propia estrutura e tamén que outras persoas externas poidan colaborar. Na posible evolución do proxecto está  prevista a creación dun Framework Open Source e a creación dunha comunidade de desenvolvemento de aplicacións móbiles conectadas ao vehículo.

Startup
Na categoría Start-up a firma Brookesia Design and Technologies, domiciliada en San Cibrao das Viñas (Ourense), resultou a gañadora. O xurado valorou un proxecto que, baixo o lema A pulseira que se adapta ao teu estilo de vida, presenta un dispositivo que permite pagar, intercambiar contactos ou tarxetas de visita cun simple apertón de mans, recoller funcionalidades biométricas ou localizar outras pulseiras, ademáis de ofrecer posibilidades de gamificación. Este wearable é o primeiro que se realiza con carácter completamente aberto e desenvolveuse con SDK/API, que permite crear unha comunidade que facilite a creación de propostas de valor no ámbito laboral e persoal. A comunicación vía Bluetooth 4.0 LE GATT é totalmente compatible con Google Fit ou Apple Health, e o dispositivo pode funcionar de xeito dependente ou independente dun terminal móbil. Ademáis é totalmente integrable coas App maioritarias, a información xerada gárdase en Cloud, e está preparado para poder xestionar o Big Data do futuro mediante tecnoloxías innovadoras Fiware.

Software Libre
Na categoría Software Libre, a gañadora foi a firma coruñesa Igalia, polo seu proxecto WebKit For Wayland. Trátase dunha iniciativa lanzada en colaboración coa consultora holandesa Metrological que, malia estar aínda en fase de desenvolvemento, xa conseguiu que algunhas operadoras a teñan adoptado como unha das plataformas para os seus set-top-boxes. WebKit for Wayland é unha adaptación de WebKit baseada no novo protocolo de visualización de ventás Wayland. WebKit é un motor de renderizado web libre usado por moitos navegadores para amosar contidos web publicado por Apple. Caben destacar entre eles Safari, Epiphany Web Browser e moitas outras aplicacións que amosan contidos web. No pasado ata Google Chrome estivo baseado en WebKit.

En medios:

La Region | Una 'startup' ourensana logra el premio a la mejor de Galicia
La Opinión | Firmas coruñesas ganan tres de las cinco categorías de los galardones del Clúster TIC
eco | Avansig, Quobis, Altia, Brookesia Design and Technogies e Igalia; gañadores dos Premios Clúster TIC Galicia 2015
Altia | Altia ganador de los premios Clúster TIC Galicia 2015 en la categoría Liderazgo TIC
Softic | Enhorabuena a los ganadores de la I edición de los Premios Clúster TIC Galicia
Expansión | Prosegur desarrolla un dron de vigilancia autónoma para interiores
La Vanguardia | Empresa de seguridad desarrolla el primer dron de vigilancia en interiores
Vozpopuli | Prosegur trae a España un dron que vigila el interior de las empresas
FTSP | Prosegur desarrolla un dron de vigilancia autónoma para interiores
PCWorld | Prosegur desarrolla el primer dron de vigilancia autónoma en interiores
Taringa | Prosegur desarrolla un dron de vigilancia autónoma
Sistemius | Premios Cluster TIC